O IX CINBIO Annual Meeting quenta motores coa vista posta en consolidarse como un encontro de referencia no ámbito da investigación multidisciplinar. A novena edición deste congreso, impulsado polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade e pertencente á Rede CIGUS, busca reforzar o seu papel como espazo de excelencia no que converxen a ciencia de materiais e a biomedicina.
O principal obxectivo desta edición, que terá lugar os días 21 e 22 de xullo no edificio de Ciencias Experimentais, é poñer en valor a fortaleza multidisciplinar do centro, promovendo o intercambio de coñecemento entre persoal investigador consolidado e novos talentos. A intención é que as persoas asistentes non só coñezan os avances máis recentes, senón que tamén marchen con novas ideas, colaboracións potenciais e unha visión clara das aplicacións actuais e futuras da ciencia de vangarda.
Baixo o lema Shaping the Future – Bond by Bond, Cell by Cell, o congreso quere reflectir ese espírito de conexión entre disciplinas e xeracións científicas. “Queremos conectar a expertos consolidados coas mentes máis novas para reflexionar sobre as innovacións que están a transformar a biomedicina e a nanotecnoloxía”, sinala Valeria Zoni, investigadora do CINBIO e membro da organización.
A Universidade de Vigo volve dar un paso adiante no seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Nesta nova entrega, o proxecto adáptase á evolución do seu público cun cambio de formato que busca achegar aínda máis a realidade das científicas á rapazada: entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil.
“O catálogo Quero ser investigadora renóvase para ofrecer un formato máis acorde coa evolución das cativas e cativos aos que se dirixe”, destacan Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, na entrevista que abre a publicación. “Esta nova entrega preséntase como un volume único que recolle conversas en estilo directo con investigadoras da Universidade de Vigo, co obxectivo de facilitar unha conexión máis próxima e auténtica cos lectores e lectoras”. Como parte desa vontade de achegarse ao público, a edición opta pola fotografía como fío visual do relato, a través da mirada da fotógrafa Charo Lopes (Boiro, 1988).
O etileno, un precursor do plástico, é un compoñente fundamental da industria química. Porén, a actual produción insostible deste composto xera grandes emisións de CO₂. A procura dunha alternativa ecolóxica aos métodos baseados en combustibles fósiles é o principal obxectivo co que se puxo en marcha o proxecto europeo MemCat (Síntese de etileno asistida por membrana sobre catalizadores tándem nanoestructurados, do inglés Membrane-assisted Ethylene Synthesis over Nanostructured Tandem Catalysts), unha iniciativa financiada integramente pola Unión Europea a través da convocatoria EIC Pathfinder Open para o programa Horizonte Europa e coordinada polo International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), de Braga (Portugal), completando o consorcio outras seis institucións, entre as que se atopa a Universidade de Vigo e, máis concretamente, o seu Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO.
MemCat arrancou o pasado mes de maio e, cunha duración de 48 meses, prolongarase ata finais de abril de 2028, formando parte do consorcio a University of Jyväskylä (Finlandia), Eindhoven University of Technology (Países Baixos), The Max Planck Society (Alemaña), a University of Calabria (Italia) e a entidade 1 CUBE BV (Países Baixos). A Universidade de Vigo, a través do CINBIO, é a única participante española con Laura Salonen, do grupo de Nanomateriais Híbridos, como investigadora principal, e cun orzamento de 340.625 euros para a súa tarefa.